GALA DE GRADUACIÓN / DISCURSO DO DIRECTOR


É un pracer xuntármonos outro ano máis neste espazo para despedir unha nova promoción de estudantes.

Como en cada despedida dunha promoción, o primeiro que fago é recompilar os recordos comúns. No voso caso en particular, véxome moi implicado neste recordo. Sodes a promoción que comezou os seus estudos de secundaria en 2017, xusto o ano en que eu tomei a dirección do IES Camilo José Cela. Uns comezastes xa neste centro, outros e outras en CPI’s próximos, para incorporarvos despois ao Camilo e formar esta nutrida promoción que hoxe sodes.

En todo este tempo, non podiamos prever todas as cousas que aconteceron e os grandes cambios vividos: en 2017 pensabamos que unha pandemia que tivese a xente recluída era algo dos tempos da peste negra. En 2017 pensabamos que a intelixencia artificial sería algún un robot estilo Terminator (e ben sabedes o xogo que dá). En fin, en 2017 ninguén pensaba que se desataría outra guerra no corazón de Europa, como hoxe temos.

Agora, a partir deste 2023, ides vivir moitas outras experiencias: deséxovos que sexan moi positivas e que vos axuden a seguir medrando como persoas. En calquera caso, agardo que o voso paso polas aulas do IES Camilo José Cela contribúa a darvos coñecementos e habilidades para facer fronte ao itinerario vital que hoxe comezades a percorrer.

Os coñecementos, a formación, os valores, as habilidades… son “armas para a vida” no seu mellor sentido. O que sempre tiven claro foi que erades unha promoción moi loitadora. Aínda lembro un festival de Entroido no que algúns dos aquí presentes, enmarcarados, me encanonastes poñéndome de xeonllos no salón de actos. E aínda vos serviu para gañar un dos premios! A verdade é que está claro que sabedes como conseguir os vosos fins…

Agardo que conservedes ese ímpeto e esa enerxía e que o saibades manexar para facervos mellores e facer mellor a sociedade que construímos entre todos e todas. O camiño que vos queda é moi longo e apaixonante e, en moitos casos, poñeravos a proba. É aí onde agardo que a vosa formación sexa un bo recurso para saír adiante, e seguro que o faredes.

Para rematar, quérovos ler un pequeno poema de María do Cebreiro que fala do regreso pero tamén do camiño e do comezo:



O REGRESO



OS LUGARES están.

Quen diría da herba

que non prende na terra unha certeza

aínda que pola noite veña a chuvia?



O camiño non eran todos os pasos xuntos.

Era o primeiro paso.

Eran os pés.





Moitas grazas e moita sorte.















Comentarios