Desequilibristas III. Memoria da sesión.




De novo outra sesión do proxecto Des-equilibristas que se está a desenvolver entre o alumnado de psicoloxía de segundo de bacharelato. Engadimos a continuación a memoria da sesión redactada por Samuel, estudante de pedagoxía que acompañou a Andrea, a monitora de Feitoría Verde, nesta ocasión.

Informe da 3ª sesión do proxecto “Do desequilibrio á descarbonización” no IES Camilo José Cela de Padrón


- Introdución á sesión:

A sesión enmarcada nunha metodoloxía socio-afectiva, está organizada da seguinte maneira:

Nos entrantes encontrámonos con actividades principalmente de xogo e distensión, a pesar disto os xogos seguen a liña do proxecto e da sesión. Coa benvida comeza o xogo dos espellos por parellas, onde imitan o movemento da parella coa que se colocan, primeiro unha persoa e despois a outra, chegando a imitar e actuar coma espello á vez ás dúas persoas. Para isto precísase facer un exercicio de coordinación e concentración, así coma de empatía e conexión coa outra persoa.

A sesión continúa co xogo de contar ata onde se poida, a rapazada empeza pero só pode falar unha persoa á vez, é dicir non poden falar dúas ou máis dicindo o mesmo número. Desta forma teñen que facer un traballo cooperativo e de escoita dentro do grupo.

O prato principal da sesión concrétase cunha dinámica con diversas fotografías, onde primeiro o grupo observa en silencio coma nunha exposición todas as fotografías. Entre as fotografías hai cidades, familias coa comida dunha semana enteira, avións, coches eléctricos, carne vermella... e máis cousas diversas. Desta forma unha vez observadas a rapazada terá que agrupar as fotos en dous, todo isto en silencio e entre todo o grupo, tendo así que facer un exercicio de traballo grupal e enfrontándose probablemente a certos conflitos para chegar a acordos. Esta actividade prosegue cunha pequena kuringa que guía para reflexionar sobre o que foi sucedendo no proceso de agrupación e sobre as fotografías. Despois disto, pedirase que se faga un novo agrupamento en función do que equilibra e desequilibra o mundo para eles. Esta vez poderán falar para chegar a acordos na colocación das diferentes fotografías.

Xa no segundo prato a sesión continúa cunha reflexión sobre a actividade, onde entrarase a reflexionar máis acerca dos desequilibrios que existen, así coma as causas e consecuencias de por que existen estes desequilibrios, intentando achegarse de cara a alternativas máis responsables. Pretende así a sesión abrir debate e conversación acerca destas realidades, tendo un foco na repercusión no cambio climático.

Xa por último no peche, comentarase un pouco as sensacións e aproveitarase para despedirse.

- Características do grupo:

Encontrámonos cun grupo de 18 persoas nesta sesión, dado a non asistencia dunha persoa, no grupo habería 4 rapaces e 14 rapazas. Este grupo esta no segundo curso de bacharelato e son un grupo reducido da aula de psicoloxía.

- Desenvolvemento da sesión e reflexións:

Xa antes do comezo da sesión varias persoas do grupo recoñecen á persoa dinamizadora e falan distendidamente con ela. Amosan certa confianza xa coa persoa que vai levar a sesión e axudan a resolver unha pequena confusión co profesor e os horarios.

A sesión comeza coa benvida e os primeiros xogos, durante esta primeira fase da sesión o grupo parece un pouco disperso, amosando certa falta de escoita. Ao comezo tamén parece que a maioría das rapazas xa están conectando coa sesión, sen embargo a todos os rapaces parece costarlles algo máis.

O grupo durante estes xogos nos que precisamos organización e maneiras de establecer normas grupais para a consecución dos obxectivos, amosa a necesidade natural de orde, intentando establecer así unha orde para ir dicindo os números no xogo e conseguir chegar a máis. Tamén comprendese un bo clima grupal, hai certas tensións na hora de elixir a forma de organizar como vai funcionar o grupo, sen embargo percíbese un clima moi distendido e divertido, chegando así ao acordo de ir contando en círculo.

Nas actividades do prato principal comeza a haber máis carga ideolóxica, a observación das fotos comeza e apréciase que o nivel de atención do grupo vai en aumento. O silencio é roto cada vez menos e tódalas participantes comezan a conectar máis coa dinámica. Á hora de achegar os sentires e o que nos transmiten as fotografías, comezan os turnos de palabra, que sendo varias veces interrompidos comeza a utilizarse o recurso da pelota, onde quen ten a pelota é a persoa que ten o turno para falar. A escoita do grupo verase aumentada grazas a isto e irá aumentando paulatinamente. Nos comentarios sobre as fotografías encontramos diversas opinións, entre elas a natureza e os cambios que sofre, o oso polar transmite pena, a actualidade, como ensuciamos o mundo, e certos detalles máis que son bastante apreciables a primeira vista.

Cabe destacar tamén algunhas sensacións que parecen aparecer non dunha simple ollada, e non só da transmisión das fotografías, senón que removen os sentires da rapazada. Unha delas é a concepción do ser humano, neste caso coma unha praga, que pode amosarnos a concepción que se ten do sistema mundial e da sobreprodución que desgasta as nosas vidas e mundo. Comprendéndose así coma persoa humana na súa condición, e a especie mesma unha praga, revélase a anulación de humanidade que aplasta as nosas vidas, sendo a persoa non unha persoa, senón un mecanismo máis da maquinaria de consumo. Outro dos comentarios que aparece e reflexa unha mirada máis introspectiva, é o de querer e as ganas de viaxar, que en palabras dunha das participantes, foron coartadas pola crisis pandémica. Desta forma comprendemos o período de crucial socialización que é a adolescencia, as necesidades de descubrir o mundo, así como de comprendelo e de relacionarse. Xa por último destacar dous comentarios seguidos referíndose a unha mesma realidade: unha achega dos teléfonos móbiles e como estes repercuten na nosa vida. Sentindo pena e rabia pola fotografía na que moitas mans usan estes aparellos. Este comentario veu precedido por un recordo que transmitía unha fotografía, un recordo bo e agradable sobre un videoxogo, sen embargo con altos índices de violencia. É curioso apreciar a consciencia da conexión e do sometemento ás tecnoloxías que podemos chegar a ter, pasando o móbil por encima das persoas coma axente socializador, así coma o xuízo negativo cara isto, mais non cara os videoxogos e os seus contidos, chegando estes a evocar a nosa realidade, as nosas vivencias.

Cando a rapazada comeza a ordenar as fotos en silencio, agrupando así en dous, podemos observar coma sen dialéctica comezan a saír roles de liderazgo e poder, así coma tamén máis faltas de respecto e a perda dos turnos de participación. Danse pequenas escaladas de tensión que culminan ás veces en accións máis cargadas de violencia, coma lanzar as fotos, arremeter o chan con elas, escondelas baixo o resto do montón... Se ben ao principio todo o mundo participaba, segundo pasa o tempo a conflitividade por certas fotografías agudizase, sendo xa a disputa practicamente entre dous rapaces. Cando o grupo xa rematou e comeza a comentarse o sucedido, aparecen as primeiras dualidades, a orde está dividida entro o que é malo e o que é bo, chegando tamén durante a discusión o propio grupo que isto pode ser subxectivo. Isto ven a raíz de pequenos debates sobre a carne producida industrialmente e sobre os centros comerciais. Chégase incluso a unha comparación entre a carne e o tabaco, onde os dous son produtos nocivos, mais cada quen é libre de consumilos. Isto amosa tamén características do individualismo no que vivimos na actualidade, comprendendo así as nosas persoas coma centros do consumo, e persoas libres. Isto esconde detrás os valores da sociedade neoliberal, se ben un cidadán ten dereitos e deberes, a persoa dentro da sociedade agora é libre para todo, tendo coma única obrigación o consumo. Esquécese completamente neste punto a dimensión dunha vida colectiva e en fraternidade, onde non caben o prexudicial da produción xa ben sexa da carne nos impactos medioambientais, ou incluso do tabaco a nivel de producións e comercio ético e xusto.

Seguidamente comeza o reagrupamento en funcións do que pode equilibrar e desequilibrar o mundo, esta vez podendo falar. O proceso chegou a lugares similares que o primeiro, onde aprezamos os roles de liderazgo, principalmente a confrontación está entre dous rapaces, así coma unha rapaza non é capaz de confrontar e cede a súa opinión; encontrámonos cunha rapaza que si confronta o conflito e asume tamén certo rol de liderazgo entre a rapazada. Durante este proceso ao grupo chámalle a atención e xera dúbidas sobre coma colocar dúas fotografías de familias moi diferentes e a súa produción semanal.

Comeza agora a ronda de compartir os sentires e as reflexións as que se pode chegar dende esta orde. Aquí encontrámonos con puntos importantes a favor de cousas coma a cidade e os centros comerciais coma puntos equilibradores, sendo o argumento principal a capacidade que teñen para dar traballo. Por outra parte, é curioso como chegan a pensar na produción e no consumismo, sobre todo dende unha crítica á industria cárnica, ou dende a explotación das minas e recursos para a produción de móbiles ou coches eléctricos. Isto é moi interesante no sentido de entender o sistema global de produción e como chega a calar, entendendo completamente desligado factores coma o emprego e o modelo de vida, e non certas industrias, completamente lonxe da realidade e as vivencias. Tendo en conta que nas cidades non hai macro-granxas ou minas de explotación, é fácil comprender a inmersión e a boa impresión acerca das cidades ou dos centros comerciais. Outro punto importante que axuda a soster estas opinións é o traballo coma centro existencial das nosas vidas, algo que é historicamente criticado dende as perspectivas humanistas. Chegados a este punto todo o que xera emprego é algo bo, e non reflexionamos achega da precariedade ou das brechas que poden xerarse.

Tamén cabería destacar a problemática que saíu en cuestión da sobre-poboación, cuestión interesante, sobre todo cando o propio busca alternativas e solucións rápidas. É moi curioso coma esta problemática ligada á vida na cidade actual, tendo en conta isto coma un problema que xera outros moitos, é conciliada coa idea de matar xente, de eliminar o sobrante. Non cabe a idea primeiro dunha vida ou sistema diferente, ou dunha parcial des-urbanización cara o rural. Durante estes intercambios de ideas xerase certa tensión entre a rapaza que podería ter un rol de liderazgo e un dos rapaces que tamén. O curioso do conflito, é que a pesar de estar debatendo e argumentando posturas iguais ou cercanas, en cuestións da precariedade das infraestruturas de transportes públicos, seguíanse confrontando entre eles.

Xa co final da sesión o profesor quere engadir a súa opinión en cuestión a un comentario que se fixo na aula. O comentario veu precedido por unha pregunta sobre un modelo de vida alternativo na cidade, a pregunta sobre se hai outra opción. O comentario foi a vida de vagabundo, e o profesor quixo achegar a cuestión negativa e desarraigada que xira en torno ás formas alternativas de vida na cidade, comentando por exemplo o movemento ocupa ou o movemento “punk”. O profesor achegase a reflexionar sobre a ditadura imposta polo modelo de vida que se considera dentro do común e da norma, deixando de lado a un modelo de vida que non teña que consumir para realizarse, para o seu ocio... Quizais máis que dunha imposición do consumismo teríamos que analizar dende un transfondo a ditadura do capital, a cal é exercida en pro dun consumo obrigatorio para a vida. Este comentario non foi moi admitido no grupo, aludindo a que as outras formas de vida tamén están enmarcadas na sociedade e que o comentario non tería cavidade, sen embargo cabe reflexionar de cara a que alternativas deixa o canón da cidade ante o consumismo en masa, e por suposto se todo está nunha esfera social, as brechas e consecuencias que se xeran dadas estas circunstancias. Xa co tempo rematado, caben inda uns minutos para pechar e despedir a sesión ata o próximo día.

- Conclusión final sobre o encadre no proxecto:

Precisamos concluír coa reflexión sobre as temáticas que se tocaron nesta sesión, tendo en conta que se achegaba máis a un encadre ambiental que as anteriores. Existía a preocupación de cara á acollida do grupo pola temática, xa que en sesións anteriores saíran cousas máis ligadas ás experiencias e vivencias do grupo, podendo pensar así que o proxecto tiña outros itinerarios. Sen embargo a acollida do grupo foi de agrado e conectaron coa sesión. Ademais destas circunstancias cabe comentar que o grupo podería ter abordado temáticas máis puramente sociais tendo en conta moitas das fotografías. Desta forma o debate e a sesión xirou principalmente entre as dualidades, os equilibrios e desequilibrios no mundo e a ligazón destas ideas co sistema de consumo en masa. Poderíamos concretar que o grupo parecía a gusto e contento coa sesión e coas temáticas, polo que pódese plantexar disipar as dúbidas en canto ao fío temático que vai ir collendo o proxecto sesión por sesión.

Comentarios