HARRY POTTER E AS TRADICIÓNS BRITÁNICAS: PANTASMAS, FADAS E ANIMAIS FANTÁSTICOS


O pasado 21 de marzo o alumnado de 4º ESO e 1º BACHARELATO participaron na charla “Harry Potter and British Traditions: Ghosts, Fairies and Fabulous Beasts”, a cargo da profesora da facultade de filoloxía da USC, Dona Cristina Mourón Figueroa.

Ao longo de 50 minutos, a profesora explicou a relación entre o mundo do famoso personaxe de Harry Potter creado por J. K. Rowling e a tradición e o folclore nas Illas Británicas. Así, as pantasmas, fadas, elfos, e outras criaturas fantásticas que aparecen nos libros e películas da saga proveñen de lendas non so da tradición británica, senón tamén do mundo clásico (moitos dos encantamentos teñen nome pseudo latino: Expelliarmus, Experto Patronum, Cruciatus, Oculus reparo, etc.), que a autora adapta e reinterpreta.
Exemplos de pantasmas que viven no colexio Hogwarts destaca Nick Semi-Decapitado (Nearly Headless Nick), que se queixa de non ser admitido no grupo de pantasmas decapitados (entre os que, segundo as lendas, atópanse personaxes históricos coma Ana Bolena, segunda muller de Henrique VIII, que deambula pola famosa Torre de Londres), porque a súa cabeza non está de todo separada do corpo. Myrtle a Chorona (Moaning Myrtle), está inspirada na lenda de nenas choronas que adoitaban aparecer en baños de mulleres.

Outra parte moi importante do folclore británico, son as Fadas (Fairies), seres máxicos con forma humana, pero que, a diferencia de como aparecen nos contos infantís, son feas e poden ser perigosas. Entre os diversos tipos de fadas, destacan os Elfos, Brownies, Goblins, etc. Por exemplo, Dobbie, o valente e leal amigo de Harry Potter, a quen J. K. Rowling identifica como Elfo, aínda que, polas súas características, é un Brownie, é dicir, un tipo de fada ou espírito doméstico, vinculado a familias concretas que só poden ser libres cando se lles regala unha prenda de roupa (Dobbie consigue a liberdade da familia Malfoy cando o seu amo lle regala, por equivocación, un calcetín).
Na segunda parte da charla, a profesora Mourón falou dos Animais Fantásticos (Fabulous Beasts) que aparecen na saga de Harry Potter e posteriormente no bestiario escrito por J. K. Rowling (Fantastic Beasts And Where To Find Them), explicando que moitas destas criaturas xa aparecían descritas en famosos bestiarios medievais:Un destes animais mitolóxicos é o Dragón, moi vinculado ás lendas do Rei Arturo, emblema da bandeira de Gales, e tamén na lenda de San Xurxo, patrón de Inglaterra, onde o Santo loita cun dragón, representación do Mal e o Demo. En Harry Potter aparece, por exemplo, o dragón de Hagrid (Norbert), os dragóns que gardan Gringotts, o banco dos magos, e tamén como se usa súa sangue e pezuños para elaborar pocións ou as fibras dos seu corazón para fabricar as variñas máxicas.

Outros exemplos de animais fantásticos son:

O Basilisco (monstro con forma de serpe, nacido dun ovo de galiña).
O Unicornio, que en Harry Potter vive no Bosque Prohibido, é unha criatura pura, forte e poderosa. Aparece no escudo de Gran Bretaña simbolizando a Escocia e dende o século XV foi usado por moitos monarcas escoceses no seu propio escudo para representar o seu poder.
O Hipogrifo, animal con cabeza de aguia e corpo de cabalo, aparece en moitos bestiarios medievais como unha criatura difícil de domar, leal e nobre. Foi introducido na literatura inglesa polo poeta John Milton e aparece no escudo de Ana Bolena. En Harry Potter, é o animal que da nome a unha das casas: Gryffindor. Buckbeak é o hipogrifo que Harry e os seus amigos salvan da pena de morte e que axudará na Batalla de Hogwarts.





Comentarios