O alumnado de Psicoloxía de segundo de bacharelato participou no segundo encontro telemático con Pedro Lara, un vello amigo do noso centro residente en Madrid, que tivo como tema o coidado emocional e a experiencia vital e educativa de segundo de bacharelato.
Dous artigos de Pedro Lara e unha reseña dunha película documental sobre a enfermidade mental:
- A enfermidade mental. Nin contencións nin malas prácticas.
- A despersonalización
- Enlace a artigo de El País. Reseña da película Monumental (2020) na que participa Pedro Lara
O fio da conversa levou ao noso alumnado a plantexar cuestións e problemas que sofre a xuventude adolescente ao longo da etapa educativa de secundaria e bacharelato e que se agudizan no último curso previo á Universidade, fundamentalmente o do estrés provocado polo alto ritmo académico e o elevado nivel de esixencia, autodisciplina e traballo no marco dun calendario cheo de probas escritas e tarefas que deixan pouco tempo para o lecer e o cultivo das relacións. Quedou patente a necesidade dunha formación académica en xestión das emocións que se complementase cunha cultura emocional xeral e unha valoración social desta dimensión humana en todos os ámbitos de socialización. Resulta bastante inxenuo pensar que o problema do estrés, do acoso escolar e do suicidio, por exemplo, poderían preverse e resolverse a través dunha acción curricular, dunha simple materia de intelixencia emocional, necesaria pero non suficiente. A cuestión vai máis aló da escola e exténdese ao conxunto dunha sociedade que fomenta arreo a competitividade e o individualismo e unhas redes sociais que conforman unha autoimaxe que nunca está á altura das circunstancias.
Mais o que si parece adecuado é a instrución nas técnicas básicas de relaxación, respiración e meditación que poden servir de inestimable axuda para facer fronte á marea de tensións que nos desconcentran e non nos permiten unha vivencia consciente e equilibrada da vida nin ao alumnado nin, en menor medida, ao profesorado, inmersos os dous actores do proceso nesta inercia, decote tóxica, que nos leva á vivir con insatisfacción. Neste senso, o alumnado é máis vulnerable ao carecer de estratexias coas que facer fronte á frustración, á perda de referencias e á ilusión necesaria para dar sentido a unha vida cotiá chea de compromisos e obrigas. Efectivamente, non existe en todo o percorrido académico un lugar para o cultivo da vida interior, unha ocasión para reflexionar individual e colectivamente, sobre o sentido deste percorrido vital e para fortalecerse fronte á frustración e os conflitos que debemos afrontar. Por iso nas caras do alumnado se reflicte o cansancio físico e emocional e por iso se preguntan que estratexias se poden utilizar para facerlle fronte.
Pedro, cunha longa experiencia persoal neste aspecto, aconsellóunos adicar unha parte do noso tempo diario a cultivar a nosa saúde psíquica, emocional, a través das técnicas básicas do mindfulness ou autocoidado consciente, unha forma de focalizar a atención no presente para que o ruído psíquico non nos impida centrarnos en nós mesmos e na nosa vivencia do aquí e do agora.
A segunda etapa dará lugar a unha terceira, contando sempre coa xenerosidade de Pedro, o noso amigo, o noso confidente, modelo de fortaleza, perseverancia e xenerosidade. Desde aquí o noso agradecemento.
Comentarios
Publicar un comentario