IMPLICACIÓNS ÉTICAS, ECONÓMICAS E ECOLÓXICAS DO QUE COMEMOS

Somos o que comemos? Esta é unha pregunta que cada vez ten máis sentido non só dende o punto de vista individual senón colectivo. A progresiva urbanización, o crecemento demográfico e a globalización planetaria están a xenerar problemas locais e planetarios fronte aos cales debemos ter conciencia e debemos idear alternativas. A alimentación humana é tamén hoxe unha cuestión que non podemos pasar por alto polas repercusións que ten sobre a nosa saúde, a das demais especies e sobre o planeta. A implementación pedagóxica desta reflexión pode ser favorecida pola súa actualidade mediática (macrogranxas, Lei de benestar e protección animal), conectando dese xeito a escola coa sociedade.

O debate que hoxe comezamos arredor das dietas e da diversidade de formas de vida que subxacen a elas é unha actividade colaborativa que comezou de modo individual, tras a lectura dos ensaios sobre a cuestión das relacións entre o ser humano e as demais especies que o alumnado de bacharelato fixo na aula en dúas sesións e continuou máis tarde con outra tarefa, tamén individual, que consistíu nun informe sobre a cuestión da diversidade das dietas e as implicacións que estas poden ter na economía, na ecoloxía e no trato dos animais non humanos.


Do que se trata é de dar pulo ao pensamento crítico a partir do enfrontamento dialéctico de dous grupos, cada un dos cales deberá elaborar un argumentario común a partir dos seus informes individuais e servir de apoio á persoa que o grupo elixe como portavoz.


Nesta primeira sesión, os grupos puideron facer o seu primeiro achegamento á dinámica de escoita activa e de apoio argumental. Esta primeira toma de contacto foi magnífica e a súa valoración moi positiva entre o alumnado.



Comentarios