Por María Serantes e Elsa Montenegro
O venres, 22 de outubro, o alumnadop de 4º ESO, xunto co departamento de Matemáticas, tivo unha saída ao Centro Ágora, en A Coruña, onde participou nunha charla sobre a vida do pintor Escher.
Despois dunha breve exposición sobre a súa vida, e logo de sermos guiados nunha exposición sobre as súas obras máis importantes (a nosa favorita é o ciclo dos crocodrilos), asistimos a un obradoiro relacionado coa trigonometría onde realizamos actividades moi interesantes e divertidas. Pasámolo moi ben e aprendemos moito. Volveríamos. Sen dúbida.
A exposición "Converxencias, arte e ciencia: Escher", organizada pola Institución Galega de Ciencia (IGACIENCIA) e o Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña, enmárcase dentro do proxecto que se vén desenvolvendo de actividades de difusión da ciencia e da cultura científica na sociedade, especialmente para mostrar as sinerxías e vínculos entre a arte e a ciencia.
O alumnado de 4º ESO, acompañado polas profesoras de Matemáticas, Mercedes e Rosana, visitou unhaexposición interactiva que mestura ciencia, arte e lecer.
O núcleo central é a obra de Maurits Cornelis Escher (1898-1972), especialmente a realizada a partir de 1937.
Escher é un dos artistas contemporáneos máis recoñecido e encomiado pola comunidade científica internacional, que considera a súa obra como un símbolo da relación entre a arte e a ciencia. Unha icona universal apaixonada polo coñecemento que utilizou as matemáticas, a astronomía, a óptica, a cristalografía e a xeometría nas súas creacións artísticas.
Imaxina debuxos con auga que sobe cara arriba, escaleiras que non teñen fin, réptiles que se arrastran formando círculos viciosos entre obxectos dun escritorio, que escapan do papel no que están debuxados para volver aparecer máis tarde, mans que saen dun fragmento de papel e debúxanse a si mesmas... Á maioría dos mortais cústanos imaxinar estas situacións, polo que debuxalas de maneira que sexan cribles antóllasenos farto complicado.
Os mundos paralelos, a metamorfose espazo-tempo, a procura do infinito no plano, as construcións imposibles... iso e máis forma parte do universo de Escher que se mostra e que se ve reflectido nas súas propias verbas:
Debuxar é enganar. O meu traballo é un xogo... Un xogo moi serio. Só quen tenten o absurdo lograrán o imposible…
Comentarios
Publicar un comentario