A NEUROCIENCIA DAS DEMENCIAS SENÍS. CARLOS SPUCH


Esta interesante video conferencia a cargo do neurocientífico Carlos Spuch sobre a enfermidade de Alzheimer e as demencias forma parte do proxecto DIVULGAMENTE de sensibilización interxeracional levado a cabo pola Fundación Barrié en colaboración coa Federación Alzhéimer de Galicia.

As enfermidades relacionadas coa idade e que conlevan deterioro das funcións cognitivas afectan tan só en Galicia a 700.000 persoas. O impacto destas enfermidades é enorme e afecta tamén ás persoas coidadoras, maioritariamente mulleres.

A situación de pandemia que levamos padecendo incrementou o número de casos (17 cada semana) nos que se observa un deterioro das persoas con demencias e trastornos de ansiedade, depresión e tentativas de suicidio por mor do confinamento e, por tanto, do illamento social.

Os efectos do deterioro cognitivo maniféstanse na capacidade de aprendizaxe, na memoria a curto prazo MCP, nas emocións, na capacidade de pensar e planificar, na competencia lingüística e de comprensión da relación entre os o corpo e os obxectos e esta corrupción neural esténdese a todo o cerebro (ou a case todo).

Fronte ás situacións de estrés que provoca esta merma das habilidades necesarias para levar unha vida normal e a falta de recoñecemento dos obxectos, das persoas e da propia identidade hai certas situacións que son beneficiosas para o benestar das persoas enfermas. O acompañamento e unha actitude comprensiva cara a persoa enferma frean cando menos o seu deterioro. Parece que existe unha parte do noso cerebro, o cerebro máis primitivo, máis emocional, que é o última en ser destruída pola enfermidade. O poder da música é máxico. A través dela podemos rescatar emocións atadas a recordos que poden reconectar a vida das persoas enfermas e facer que poidan sentirse dignas e felices.Cómpre tamén tecer unha rede de coidados para que as persoas coidadores non se vean tan severamente afectadas indirectamente por unha enfermidade que esixe adicación plena e constante. 

Comentarios