O vindeiro luns comezará o ciclo de tres sesións adicadas á arte contemporánea e en especial a unha das correntes máis interesantes e máis comprometida co coidado da natureza do panorama creativo. Trátase do Land Art.
O vindeiro luns, o escultor e responsable das xornadas creativas anuais en Seira de Land Art (Rois), Camilo Seira, exalumno tamén do noso centro, iniciará o obradoiro cunha sesión teórica na aula dirixida ao grupo de filosofía de 4º ESO. Continuaremos o día seguinte, en xornada de tarde e con cambio de lugar de actividade, desta vez na Finca do Cadavid, sita a carón do noso instituto. A terceira sesión, o día 25 deste mes, rematará tamén no mesmo contexto.
A continuación deixo o artigo que Camilo redactou como introdución. Paga a pena porque inclúe tamén unha breve descrición das actividades que desenvolveremos.
Arte e natureza. Unha homenaxe á natureza dende o prisma da arte.
O Concepto Land Art nace en EEUU nos anos 60; as primeiras manifestacións artísticas estaban ligadas a homes curtidos e intrépidos que con maquinarias pesadas e potentes motores movían grandes cantidades de terra e po, buscando a súa propia identidade, fundindo a nai terra co seu propio ego, froito dunha era da explotación industrial, onde os artistas fuxían dos círculos das galerías e do mercado da arte.
Hoxendía en Galicia, lonxe de aquel concepto de Land Art, estamos a traballar nun concepto diferente, cargados de nostalxia daquel campo que mesmo Rosalía comparaba cos “campiños do Edem” onde o home coidaba, limpaba, lavaba e acariñaba o seu anaco de terra como se fose un xardín mesmo, creando palleiros, terrazas, regatos, pilas de leña ou pedra, auténticas obras de arte e símbolos da unión do home coa natureza.
A idea deste curso é recuperar ese vínculo perdido do individuo coa nai terra, esa enorme matriz onde aflórecemos e onde podrecemos. E como podemos recuperalo?, observando os animais, por exemplo, cando un paxaro, un esquío,... constrúen un niño cos elementos que teñen no seu habitat, coñecendo as posibilidades plásticas dos materiais, e tamén, mirando aos nosos antepasados que facían as súas construcións co mesmo criterio ca os animais, minimizando o esforzo, optimizando os recursos e maximizando o enxeño, creando obxectos dunha enorme beleza intrínseca que decoraban inconscientemente as nosas aldeas. Aqueles traballos resultaban impecables dende o punto de vista artístico, eran outros tempos e outras xentes acostumadas a observar e sentir a natureza, sabían facer ben as cousas e entendían que para iso precisábase dedicación e tempo. Saberes transmitidos de xeración en xeración dun xeito consciente e inconsciente dende fai miles de anos. Moi posiblemente cando se realizaban estes traballos non se tiña en conta o sentido estético pero o feito de coñecer o seu entorno e as posibilidades dos materiais facía que estes tiveran un mesmo criterio, deste xeito harmonizaban co medio natural e cultural de onde habitaban.
Durante este curso, intentaremos agudizar a nosa sensibilidade para que cando saiamos ao campo non só nos exercitemos fisicamente senón, sobre todo, sensiblemente. Aprender a observar, escoitar, cheirar, apalpar, en definitiva, sentir o espazo e a vida que nos rodea.
Faremos prácticas para descubrir as posibilidades plásticas dos materiais do entorno no que traballaremos e levaremos a cabo un proxecto creativo ben en común ou de forma individual cos materiais que atopemos no espazo natural no que interviremos; follas, paus, pedras, musgo, herba, liquens, terra, cortizas, landras, etc, serán os nosos materiais. As nosas mans con útiles básicos como tesoiras, navallas, vasoiras, sachos,... e a natureza será o noso soporte artístico. Sempre sen alterar e protexendo, en todo momento, o entorno natural.
O curso constará dunha clase teórico-explicativa e dúas xornadas de práctica no campo.
Comentarios
Publicar un comentario