A transmisión do saber, por María Figueira Collazo

    Ler Plinius foi unha porta a un mundo que non coñecía. Con isto non quero dicir que non tivera ningún coñecemento previo sobre o mundo clásico, aínda que sendo sincera, todas coincidimos en que é a parte da historia da que menos sabemos, malia ser herdeiras dela. Refírome máis ben a que non era coñecedora da asombrosa figura de Plinio.

    É difícil describir como era Plinio, pero sen dúbida a principal característica que o diferenciaba da maior parte dos seus coetáneos era a súa sabedoría e ansias de coñecemento. Isto levouno a ter unha inmensa biblioteca con miles (sen esaxerar) de papiros, que recollían absolutamente todo o que vía, e a publicar Naturalis Historia, unha obra na que nos achega ao seu intelecto e ás conclusións das súas investigacións.

    Entres todas as ensinanzas que podemos extraer de Plinius, quédome con que todas deberiamos ser un pouco coma el, non só persoas críticas, curiosas e entregadas, senón tamén coidadoras do coñecemento. Actualmente, cando pensamos no coidado, vénsenos a cabeza o medio ambiente, os maiores e, hoxe en día, o coronavirus. Pero que pasa con todo o que sabemos? Como cremos que todo o que nos ensinan chegou ata nós? Pois, sobre todo, grazas a xente como Plinio, que se encargou de recoller e transmitir unha das cousas máis prezadas da vida: o saber. Sen el non seriamos nada. Que fariamos sen saber como se constrúe unha casa, se cura unha enfermidade ou que sucedeu durante a Guerra Civil española para non repetir os erros do pasado? Posuímos algo máis prezado que todos os cartos do mundo, o coñecemento herdado, que se non coidamos e, sobre todo, transmitimos, pode levarnos a fallos irremediábeis.

    Polo tanto, todos debemos intentar ser un pouco Plinio, aínda que non stricto sensu, pois non desexamos morrer aos pés dun volcán observando perplexos como descende a lava e arrasa toda unha cidade, se podemos salvarnos.

Comentarios

  1. Interesante reflexión. Eu estou agardando a publicación dos seguintes volumes desta intelixente creación.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario