Lois, ponlle cinco, foi o que me dixeron algunhas alumnas que asistiron a este encontro con Pedro Lara, sabendo de antemán que ían calificar a aplicación e non facer a valoración da interesantísima charla que tivo lugar hoxe na sesión de psicoloxía co poeta madrileño. Pero entendiamos todos perfectamente que era necesario facer constar que foi unha das máis interesantes experiencias que tivemos dende que comezou este curso, aínda que esa non era a forma de valorar o contido. Ben é certo que a inexistencia de problemas de conexión telemática fixo posible a fluidez desta comunicación a distancia, algo ao que non estamos acostumados, certamente. Fixemos ben en valorar con cinco estrelas, abofé.
Pero vaiamos ao contido do que falamos, que é o que nos trouxo aquí. O arranque fixémolo pola súa poesía. Fixémoslle saber que fomos recollendo as cancións da súa autoría espalladas aquí e acolá pola rede e compuxemos un pequeno caderniño que lemos para indagar quen é ese home sensible que se agocha e se descobre a través das verbas e das rimas.
E ao paso seguido comezou o turno de preguntas e escoitamos o verbo doado, pausado e reflexivo deste home, hoxe vitalista, un día derrotado, que visibiliza a enfermidade mental que vén padecendo dende hai xa moito tempo e normaliza diante de todxs nós a través desta cálida e próspera relación que continuamos hoxe.
Rematamos hoxe sendo testemuños dunha revelación colectiva que nos fai contemplar dende outro plano máis sensible e máis humano a enfermidade, o sufrimento e as ansias de vivir. Todo xunto.
Por esa razón, en sinal de agradecemento, queremos facer notar a sabia humildade con que o noso convidado de hoxe nos estivo a regalar. Grazas, Pedro.
Comentarios
Publicar un comentario