Exeria, unha pioneira galega


Exeria foi unha muller de orixe nobre que naceu e viviu na Gallaecia no s. IV da nosa era. Coñecemos a súa existencia polo descubrimento accidental dun manuscrito, copia doutro máis antigo, no que unha muller chamada Exeria ou Eteria narra a súa peregrinación dende Gallaecia ata Xerusalén. Obviamente fixo a viaxe porque era rica e tiña medios, pero resulta totalmente sorprendente como hai máis de dezaseis séculos unha muller, sen dúbida piadosa, pero tamén culta e extraordinariamente curiosa, percorreu por desexo propio 5.000 km a través de tres continentes. Partindo da Gallaecia dirixiuse por terra ata Roma, onde embarcou rumbo a Constantinopla; dende alí atravesou Asia Menor para chegar aos Santos Lugares, nos que pasou tres anos; por último, antes de emprender o regreso polo mesmo camiño de ida, visitou Alexandría na costa de Exipto.

Sabemos que fixo esta viaxe porque, ademais, nola contou nun conxunto de cartas que se coñecen como Peregrinación de Exeria ou Itinerario de Exeria. Esta obra constitúe o primeiro exemplo de literatura de viaxes e converte a Exeria na primeira escritora galega da historia.

Non permitas que Exeria caia no esquecemento e bótalle unha ollada aos traballos realizados polo alumnado de Latín de 1º de bacharelato durante o confinamento.




Comentarios