AS SINSOMBRERO: SUBVERSIÓN FEMININA


O alumnado de 2º de Bacharelato segue a presentar na clase algunhas das autoras máis importantes dos séculos XX e XXI, facendo fincapé na subversión dos roles de xénero tradicionais que estas mulleres protagonizaron.
Neste caso, as autoras non só foron escritoras, senón artistas e intelectuais en xeral: as chamadas Sinsombrero porque nos anos 20 do século pasado fixeron unha performance que consistiu en pasear sen sombreiro pola Porta do Sol de Madrid. Tendo en conta que o sombreiro se consideraba un indicador de xerarquía social, quitalo en público era unha provocación, case como espirse, ata o punto de que as insultaron e mesmo as atacaron tirándolles pedras. O que elas pretendían mediante este acto era demostrar que querían liberar as súas ideas da opresión social, simbolizada polo sombreiro, e transgredir as normas dunha sociedade que limitaba a muller ao tradicional papel de "anxo do fogar".


Estas autoras formaron parte da Xeración do 27 e, como a maior parte dos poetas do grupo, tiveron que exiliarse durante o franquismo para preservar a vida e a liberdade. Pero, ao contrario do que ocorreu coas figuras masculinas do grupo, que se reivindicaron e revalorizaron despois do exilio, elas quedaron esquecidas ata hai moi pouco tempo. Só agora empeza a recoñecérselles o enorme talento artístico e intelectual e a súa valentía na conquista dos dereitos das mulleres. 
Algunhas destas mulleres foron a filósofa María Zambrano, a pintora Maruja Mallo, as poetas Josefina de la Torre e Ernestina de Champourcín, as escritoras María Teresa León, Rosa Chacel, Concha Méndez...





As alumnas de 2º de Bacharelato A Antía Otero Mejuto, Xiana Magariños Barreiro e Noa Varela Ares comentaron o poema "Me busco y no me encuentro", da poeta, actriz e cantante Josefina de la Torre.





Marta Casal Autrán, Nuria Martinez Temperán, Natalia Novás Simón e Dana Sanchez Méndez, de 2º de Bacharelato B reproduciron a performance das autoras do 27 sacando o sombreiro na clase para recoñecer o valor desta xeración de mulleres e como acto de desagravio polo esquecemento ao que as condenou a historia española, a pesar do recoñecemento do seu labor artístico e intelectual nos países que as acolleron durante o exilio. En certo modo, foi un modo de recuperar e reivindicar a súa memoria.




Comentarios

Publicar un comentario