FEITORÍA VERDE (Des) equilibristas: Proposta socioeducativa para traballar a saúde dende unha perspectiva global
A proposta, nada da Cooperativa de Educación Ambiental, Feitoría verde, e financiada polo Departamento de Voluntariado do Concello de Padrón, ten como obxectivo a concienciación da mocidade na cuestión da saúde integral e a colaboración con outro grupo de persoas maiores do concello que están a reflexionar sobre o problema da pegada de carbono. Na parte final deste proxecto tentarase unha converxencia colaborativa entre os dous grupos e a planificación dunha acción conxunta comunitaria e interxeracional no eido local.
A saúde, segundo a entende a OMS, é un estado completo de BENESTAR físico, mental e social e non só a ausencia de afeccións ou enfermidades. Tendo en conta a definición da OMS, tan completa e ao mesmo tempo tan sinxela, cómpre reflexionar sobre a nosa saúde integral, non só dos momentos nos que estamos doentes, se non como unha forma de vivir que atinxe ao noso día a día. É por este motivo polo que os nosos hábitos diarios teñen tanto que ver coa nosa saúde. Falamos dos produtos que consumimos e tamén da calidade do ambiente no que nos movemos; das actividades que facemos, como as facemos e con quen as facemos. Porque a saúde tamén ten que ver con como nos sentimos, como nos relacionamos, como convivimos. O presente material no seu conxunto, é unha proposta de viaxe saudable entre a alimentación, medio ambiente, emocións, relacións veciñais, comunidade e tempos de lecer… en todo podemos intervir para estar mellor! Este proxecto foi adaptado a material didáctico para que o profesorado o puidera traballar co alumnado no contexto da COVID 19. Consta de 5 cartillas e de varios itinerarios guiados para traballar diferentes temáticas.
Comentarios
Publicar un comentario