OBRADOIRO DE AUTOESTIMA E IMAXE CORPORAL /

O obradoiro foi dirixido cara ao alumnado de 3º ESO. 



A clave para gustarnos está na autoestima, sóache? A autoestima é o aprecio que sentimos cara nós mesmas e nós mesmos, como nos valoramos, como nos queremos. Aquí entra en xogo o valor que lle damos á nosa personalidade, ao noso físico, á nosa estética, á maneira que temos de expresarnos, de relacionarnos, o que nos gusta e o que non e os nosos valores.

A idea que imos formando sobre nós mesmas e nós mesmos está influenciada polo que nos din persoas relevantes, (amizades, familia, parella) pola contorna social, (a TV, Internet, as redes sociais), polas modas... e todo aquilo co que nos relacionamos ao longo da nosa vida. Imitar e compararnos é case inevitable, verdade?

É moita a presión que recibimos sobre como TEMOS QUE SER, como “ten ou debe” ser o noso corpo, a nosa estética, a nosa personalidade, como debemos comportarnos e como debemos actuar. Un mundo de xente igual..., non sería moi aburrido?

Todas as persoas somos únicas, diversas, e sobre todo irrepetibles. Aí, na diversidade, é onde está a diversión, non crees?

É fácil darse conta de que eses “modos de ser” deixan fora a maioría dos corpos, das persoas, e non sempre son saudables nin posibles. Non te deixes enganar! Unha boa clave pode ser manter unha actitude crítica con toda esa presión que nos rodea e facernos conscientes de que modelos e referencias escollemos para compararnos e identificarnos.

Lembra que a autoestima é cambiante, non se mantén estable ao longo do tempo, e hai un montón de cousas que podemos facer para aceptarnos e valorarnos máis e mellor. Sabes como?

Valórate, o noso corpo e mente axúdannos a gozar do mundo.
Acéptate, es unha persoa única e irrepetible, chea de potencialidades!
Gústate, e gustarás máis!
Síntete ben, relacionaraste mellor!

Se necesitas máis claves para fomentar unha autoestima mais saudable, podemos asesorarte! Dende Quérote+ podemos acompañarte neste proceso, sabemos que ás veces non é doado e necesitamos pedir apoio.

Queres saber máis?
Para quen?
Para qué?
Como?
Consultas
Ligazóns
Documentación

 Fonte: http://xuventude.xunta.es/querote-mais/gustate

Comentarios