SEGUNDA SESIÓN DE LAND ART NA FINCA DO CADAVID


Magnífica tarde creativa ao aire libre nesta segunda sesión práctica de Land art na que todxs sen exclusión nos puxemos mans á obra na tarefa de materializar artisticamente e modificar as ideas que foron xurdindo en contacto cos materiais que nos ofreceu o entorno, unha finca caracterizada por dúas zonas ben contrastadas de bosque. A primeira, a zona baixa, constituída por masas vexetais frondosas e arborado autóctono, onde está situada a residencia hoxe en abandono, e a zona alta, cunha masa forestal e un sotobosque máis pobre onde nacen abundantes eucaliptos.

As intervencións artísticas foron realizadas maioritariamente na zona alta e todas foron concluídas cunha factura adecuada ao tempo real de concepción e traballo. O traballo de construción foi distribuído en pequenos equipos que chegaron tamén a ter algunha interrelación. Pero en xeral os grupos puxéronse axiña en funcionamento e continuaron ao longo da sesión cunha dinámica moi positiva e participativa. 

Como colofón desta marabillosa velada fixemos un percorrido por toda a finca para contemplar as instalacións artísticas e escoitar os comentarios e suxestións dos/as seus autores/as.

Comentarios