O xoves día 22 de abril, na hora de Filosofía, tivemos un
encontro con dúas traballadoras da empresa Cortizo, que pertencían ao
departamento de Persoal ou Recursos Humanos; Olga (ex-alumna do instituto e membro da nosa comunidade educativa) e María.
O departamento de Recursos Humanos, como o seu propio nome indica,
é o encargado de proporcionar a unha empresa o persoal necesario para o seu
correcto funcionamento e xestionar a ditas persoas para que a súa relación coa
empresa sexa o máis satisfactoria posíbel para ambas partes. Isto implica
aspectos moi variados, tales como: a xestión lexislativa laboral vixente en
cada momento (nóminas, contratos, pagos de cotas a institucións como a
Seguridade Social ou Facenda...); a formación do persoal, tanto a nivel de
Saúde Laboral como nos aspectos máis propios do seu posto de traballo (esta
formación axudará tamén ao desenvolvemento profesional do persoal e á súa
polivalencia dentro da empresa); elaboración de calendarios laborais e réximes
de traballo; selección de persoal...
Olga e María contáronnos que, a grandes trazos, o departamento de Persoal de Cortizo está dividido en dúas subseccións: Talento e RRHH.
A parte de Talento adícase ao desenvolvemento profesional do persoal especializado, tamén chamado cadro de estrutura (mandos e técnicos). Isto vai dende a contratación destas persoas ata o seguimento da súa traxectoria na empresa, pasando por dar cobertura a todas as súas necesidades; como poden ser material informático, facilidades nas viaxes laborais, etc.
A parte de RRHH adícase á xestión do persoal en fábricas e
dicir, operarios necesarios para a atención de máquinas ou, por exemplo,
persoal de mantemento.
E que
terá que ver a psicoloxía cunha empresa como Cortizo, vos preguntaredes? A
psicoloxía inflúe moito nestes ámbitos xa que, o estado mental no que se atopan
os traballadores é importante para o funcionamento óptimo da empresa. Ademais,
tal e como nos comentou María na sesión, emprégase o factor psicolóxico á hora de
realizar as entrevistas para contratar ó persoal. Os entrevistadores observan a
personalidade, as habilidades e características da persoa entrevistada para ver
en que posto de traballo da empresa pode encaixar mellor e se ese candidato é o
ideal para o posto.
Tamén se falou da situación da muller na empresa: en Cortizo
hai bastantes mulleres traballadoras tanto nas fábricas coma nos postos máis específicos,
o cal son uns datos favorecedores para a situación da muller. Iso significa que
cada vez están ocupando máis postos no ámbito laboral, acabando así co
estereotipo de que as persoas clasificadas no xénero feminino só son aptas para
facer tarefas domésticas ou realizar traballos nos que se implique ter que
coidar de alguén (enfermeiras, profesoras,... ).
Finalmente, a charla rematou co son característico do timbre do instituto que daba peche á sesión de clase. Trouxéronnos uns agasallos por convidalas, e elas tamén recibiron agasallos por aceptar vir con nós. Sacámonos un par de fotos para conxelar ese momento e deuse por finalizada a sesión.
Alumnado de psicoloxía de 2º bacharelato
Comentarios
Publicar un comentario