Dentro das actividades programadas polo Departamento de Latín, as alumnas de 1º de bacharelato tiveron que ler tres cómics ou novelas gráficas que recrean a vida de Plinio o Vello, un escritor latino realmente peculiar.
CAIUS PLINIUS SECUNDUS, coñecido como Plinio o Vello, foi un autor latino do s. I d. C. Naceu na localidade de Como, no norte de Italia, nunha familia de cabaleiros. Serviu como militar en Xermania, fixo carreira como avogado, ocupou diferentes cargos públicos e foi amigo e conselleiro dos emperadores Vespasiano e Tito. Home de extraordinaria curiosidade, escribiu sobre multitude de temas. De todas as súas obras só conservamos a titulada Historia Naturalis, en 37 libros, un compendio dos máis diversos asuntos: xeografía, etnoloxía, bioloxía, botánica, xeoloxía, arte... Aínda que carece de rigor científico, é un interesante expoñente do saber da súa época. Morreu no ano 79 d. C. durante a erupción do Vesubio, que destruíu as cidades de Pompeia e Herculano, porque quixo coñecer en directo que estaba pasando.
Os autores xaponeses Miri YAMAZAKI e Tori MIKI, inspirándose nas anotacións e vivencias de Plinio, uniron as súas forzas para darlle unha nova vida a este personaxe excéntrico e divertido, iniciando a publicación dunha serie de novelas gráficas, da que xa foron traducidos ao español os tres primeiros volumes.
Comentarios
Publicar un comentario