Todos estamos de acordo en que debemos coidar o noso patrimonio cultural e artístico, pero para coidalo primeiro debemos coñecelo. Por iso, o último día de clase antes das vacacións de Semana Santa decidín levar as miñas alumnas de Latín 1º de bacharelato á igrexa parroquial de Santiago para visitar o monumento arqueolóxico máis importante do Concello de Padrón, o PEDRÓN. Aínda que case todas xa o coñecían, o obxectivo da nosa pequena excursión era explicarlles que era o Pedrón e por que se relacionou coa tradición xacobea.
Que é o Pedrón? Como o seu nome indica é unha pedra grande. En realidade, é unha ara votiva, é dicir, un altar dedicado. Na súa parte frontal hai una inscrición con algunhas letras borradas na que se pode ler:
NO (Neptuno) / ORI / ESES (Foroirienses) / D (de) S (suo) P (posuerunt)
[Os habitantes do foro de Iria levantaron do seu peto este altar para Neptuno]
Na parte superior aparece inscrita unha cruz, coa que se pretendía cristianizar un altar pagán. Como moi tarde, data do s. II d. C.
Co paso do tempo este altar de Neptuno entrou en contacto coa lenda do Apóstolo Santiago, quen supostamente predicou en Iria nos primeiros anos da nosa era. Esta é a razón pola que, tras a súa decapitación, os seus discípulos Teodoro e Atanasio trasladaron os seus restos dende Palestina ata Iria nunha barca, que amarraron a unha pedra situada na beira dereita do río Sar. Esta pedra resultou ser o Pedrón.
E deste xeito Neptuno, deus dos mares, e Santiago o Maior, apóstolo moi mariñeiro, fundíronse na tradición e, se queremos visitar este altar pagán, debemos achegarnos a outro altar, o da igrexa parroquial de Padrón.


Comentarios
Publicar un comentario