Nunca pensei que o xoves podería ser un dos días máis atractivos da semana. Contra o venres non hai cor, por suposto, pero este día ten un aquel que... É día de saír a camiñar en compaña, en santa compaña, se nos poñemos moi galegos.
Saír a andar é un exercizo individual e colectivo mediante o cal recuperamos o contacto coa realidade, poñemos en funcionamento o noso corpo e distendemos o noso espírito a través do simple e osixenante exercicio e da conversación. Nos grupos obsérvase unha disposición positiva cara á distribución en reducidos grupos de dúas ou tres persoas sen necesidade de impor ningunha regulación. Eu tamén camiño con calma ao seu carón; ás veces interactuando, outras simplemente camiñando e pensando. Converso ás veces con eles/elas e nesta tesitura escoito por veces o seu verbo sensato, a súa mente curiosa e unha inocencia infantil que me descobre a verdadeira natureza das persoas que atopamos sentadas e semi amordazadas na aula: falamos da familia, das afeccións, da propia escola… e o tempo da sesión semanal discorre veloz.
Creo que estes paseos (a semana pasada subimos ao Santiaguiño do Monte) son unha das experiencias máis proveitosas do curso e creo que o seu valor non debería limitarse á benefactora aportación que esta pode ter na psicoloxía e na fisioloxía do alumnado en tempos de pandemia. As saídas ao campo deberían ser materia obrigatoria e unha compensación do desgaste que supón a busca de obxectivos nun sistema competitivo que exclúe e tamén divide. Porque é esta unha actividade que condensa todos os sentidos e matices do coidado: coidado do propio ser, coidado dos demais, coidado do entorno. Unha aprendizaxe colectiva e en movemento.
Comentarios
Publicar un comentario