EU COIDO. NÓS COIDAMOS

                    

 

Ao mellor vai sendo hora de poñernos sentimentais, ou iso é o que nos pide esta redacción, pois non recordamos á nosa avoa ou avó dende a cabeza, senón dende o corazón.
Neste caso vou falar da miña avoa por parte de nai, ainda que á miña outra avoa tamén merece outra composición, a cal lería en alto e estou segura de que me escoitaría.

A persoa na que me vou centrar chámase Manuela, ‘Nela’ para os seus irmáns, pero quen é realmente esta señora? Algúns diránche que é a que lle vende os ovos da casa, outros que é a quen lle compran as flores ou as patacas, pero a metade de Padrón coñécea por vender na praza e por almorzar na cafetería do centro social. Pero para min, é simplemente ela, é esa persoa de ollos azuis clariños que che vai andando ata o pobo co seu carro. O máis gracioso de todo é que eu estou chegando a Padrón e ela xa ten a compra feita, si, ten un andar moi lixeiro.
Ten setenta e dous anos, e se a pillas pola casa verala cunha pano e sempre con cores escuras, onde predominaba o negro ata fai uns anos, agora xa utiliza a cor gris e o azul escuro. A súa estatura é pequeneira. Nela desborda o amor polos seus e a astucia. Aínda que miña avoa non pisou na súa vida un colexio as matemáticas dánselle moi ben, posto que non se equivoca a contar os cartos. Quen me dera ter a súa capacidade de memorizar!

É unha muller forte, e nótaselle nesas mans sempre agretadas a causa de andar coa leña ou por sacar as malas herbas, e dirás ti, non pode poñer luvas?, pois a verdade é que non. Nós comémoslle a cabeza para que as poña pero outra calidade que ten é a de ser unha testana, isto vennos de herdanza. Aínda que é forte coma un carballo, é moi sentimental e afectuosa. Sempre a recordo caéndolle as bágoas polas meixelas, e estas caen con moita facilidade. Igual é a causa da idade ou son os recordos que non volverán.

Outra virtude é a axilidade. Ela dálle de comer aos cans, aos gatos e ás galiñas. Ten toda a horta chea de legumes, de hortalizas e de árbores froiteiras. E a leira, nada máis e nada menos, mide setenta metros cadrados, tendo en conta que aí nace moita herba e todo o fai a man. Tamén vai nunha gamela río arriba, coa súa compañeira a motoserra para cortar aquelas árbores que se atopan tiradas polo vento. Como vedes non ten parada, é unha muller moi traballadora, e foino toda a vida, sempre nos conta cando ía a lavar ao pozo a roupa dos seus irmáns e despois a dos seu fillos. Para ela o mellor invento foi a lavadora. Miñas tías sempre lle din que ten que descansar un pouco pero ela non ve a necesidade de quedar na casa, pois como di ela, xa ten unha criada na casa, máis coñecida como Roomba ou robot aspirador.

Para rematar, teño que dicir que é a persoa co mellor corazón que coñezo, aínda que tivera unha vida complicada.
Casou cun tal José Manuel que morreu uns meses despois de que nacera eu, el fíxoa feliz eses trinta e tres anos de matrimonio e doulle cinco fillas e un fillo. Con él fixo á man a súa propia casa, a cal se inundaba a causa das mareas. Tamén ían os dous xuntos ao cine que había en Padrón, ubicado onde está agora o ‘Froiz’, ou incluso ás verbenas para bailar un pasodobre.
Moitas anécdotas podería contar da vida da miña avoa pero son demasiado extensas. Eu só desexo seguir aprendendo con ela, como por exemplo cando aprendín o sinificado da palabra ‘esqueira’, aínda que non quero aprender a limpar lampreas. Igualmente desexo poder seguir saboreando a súa comida, e miña nai xa sabe que a comida da miña avoa sabe moito mellor.

            Sandra Bustelo Lafuente 1º B Bacharelato


Comentarios