A través desta charla impartida por Ángel Vizoso, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC puidemos poñernos ao tanto dunha problemática que ten a ver con varias dimensións da construción e difusión da información que afectan á cidadanía contemporánea. O uso das noticias falsas ou da manipulación interesada da información ten unha longa historia suficientemente documentada e con intereses fundamentalmente políticos. Hoxe, en plena hora da instantaneidade da transmisión da información a través das redes sociais, o problema cobra unha tremenda actualidade e cómpre poñer ao alcance das persoas as ferramentas necesarias para defendérmonos contra as forzas ocultas que moven os fíos do noso coñecemento dos feitos.
O profesor fixo referencia tanto á características utilizadas por este tipo de desinformación para poder recoñecelas como ás circunstancias nas que se produce a súa instantánea transmisión. Tamén cómpre ter en conta os aspectos psicoemocionais, individuais e colectivos, que son o caldo de cultivo no que nace a crenza neste tipo de información ou desinformación. Neste sentido, cremos o que queremos crer, de tal modo que acabamos construíndo un mundo á medida dos nosos desexos e contra as nosas angustias, inseguridades e medos. As "burbullas de opinión" son un claro exemplo do que se fala.
Contra esta situación convén familiarizarse co uso de ferramentas de fat-cheking mediante as cales poidamos contrastar a información dende unha prudente actitude escéptica. Están á nosa disposición variadas webs especializadas na análise e verificación da información transmitida a través das redes sociais e aplicacións de análises de metadatos que poden complementar desde o punto de vista gráfico o material audiovisual que ilustra e apoia aparente obxectividade característica das fakes news.
Deixo aquí dous enlaces interesantes:
Comentarios
Publicar un comentario