Poucas actividades son tan satisfactorias como a de escoitar os textos que a modo de ensaio le o alumnado de filosofía diante do grupo. O día ao efecto é como unha festa, unha celebración colectiva onde ten lugar o desvelamento dunha múltiple verdade. Unha a unha pasan sobre a palestra as voces con ánimo de dicir en confianza. O grupo é unha familia de iguais, un lugar reservado para o coidado, unha comuñón atenta aos corazóns. Mais cada un con cadanseu corazón, a latexar de modo diverso. Velaquí a esencia deste rito de palabra e respecto mútuo onde se cruza a estética e a ética. Non se trata dun indiscreto burato aberto dunha pechadura senón dunha fiestra que nos abre á percepción das esencias e dos seus matices. Son as voces as que proxectan a luz, as que iluminan os espazos recónditos da nosa humanidade e fanna sangrar até nos conmover.
Son tamén unha catarse, unha válvula emocional necesaria e urxente en tempos de distancia, en tempos de desafectos e unha proba viva de que chorar serve e presta.
Comentarios
Publicar un comentario