Por se non coñecedes a lenda de Lucrecia, fágovos un pequeno resumo.
Durante o asedio á cidade de Ardea, un grupo de homes, entre os que se atopaban os fillos do rei Tarquinio, para matar o tempo discuten sobre quen ten a muller máis virtuosa. Todos defenden que a súa, e Colatino, un parente do rei, suxire que poden ir visitalas e comprobalo in situ. Lucrecia, filla de Lucrecio e esposa de Colatino, resulta vencedora. Por que? Porque, mentres as noras do rei se entregan á diversión, ela está tecendo e supervisando o traballo das escravas ata ben entrada a noite.
Durante a visita, un dos fillos do rei, Sexto Tarquinio, encapríchase de Lucrecia e aproveitando a ausencia de Colatino volve outro día á casa xa sen comitiva. Lucrecia aténdeo como lle corresponde ao fillo do rei e dálle aloxamento. Cando todos están durmidos, Sexto vai á habitación de Lucrecia e desenvaiñando a espada esixe que se renda aos seus desexos. Ela négase, pero Sexto ameázaa con asasinala e despois matar a un escravo e meterlo con ela no leito para pregoar aos catro ventos que a collera in flagranti delicto. Ante as ameazas, Lucrecia vese obrigada a ceder. Perpetrada a violación, en canto Sexto se marcha, fai chamar ao seu home e ao seu pai e cóntalles o sucedido. Tras facerlles xurar vinganza, Lucrecia suicídase cravándose un puñal no peito para non servir de exemplo a ningunha muller impúdica: nec ulla deinde impudica mulier Lucretiae exemplo vivet.
Para as mulleres romanas Lucrecia era un exemplo a seguir porque, despois de ser violada, pensou que non merecía seguir vivindo!!!!!!
Crese que este cadro, pintado por Lorenzo Lotto en 1533, era un regalo de vodas. Como unha advertencia para a futura esposa, enriba da mesa pódense ler as palabras de Tito Livio: nec ulla deinde impudica mulier Lucretiae exemplo vivet.
Comentarios
Publicar un comentario