PROXECTO “DO DESEQUILIBRIO AOS SOÑOS COMPARTIDOS”

En Outubro de 2021, a través da Oficina de Voluntariado, o Concello de Padrón implicouse no proxecto do “Des-Equilibrio á Des-Carbonización”, unha iniciativa impulsada pola Cooperativa Feitoría Verde, co obxectivo de abordar as crises sanitarias e climáticas de forma simultánea co grupo de voluntariado sénior e un grupo de segundo de bacharelato do IES Camilo José Cela.


Despois de varias sesións por separado, nas que se desenvolveron diversas dinámicas para coñecer e reflexionar sobre o impacto da pandemia e a ameaza do cambio climático, o grupo sénior e o grupo do IES veñen de iniciar un traballo en clave interxeneracional. Un momento no que o proxecto insírese nunha nova etapa, con novos retos e aliados.

Co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso na convocatoria de “Componer Saberes 2021”, e a participación do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela, e o grupo de teatro Chévere, o proxecto “Do Desequilibrio aos soños compartidos” aspira a desenvolver unha metodoloxía de intervención interxeneracional para a construción de narrativas de futuro sustentables a través do teatro. Búscase deste xeito xerar escenarios desexables que sirvan de inspiración para o necesario cambio cultural que esixen os retos ambientais presentes.

O proxecto, que está coordinado pola cooperativa Feitoría Verde e a Oficina de Voluntariado do Concello de Padrón, desenvolverase até o final do curso escolar.

Comentarios